Volta atrás nas TIC

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

IDA MARIE ODGAARD | EFE

09 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante a Segunda Guerra Mundial desenvolvéronse sistemas de radiocomunicación e radiolocalización que se abandonaron a partir dos anos 60. Comezaba entón a era dos satélites artificiais, que desde grande altura sobre a superficie do globo terrestre iluminan partes del. A información que cada usuario sobe a eles, e eles reemiten, pode ser captada por estacións terrestres alleas: ou sexa, que se pode espiar. Isto fixo que durante a guerra das Malvinas os enxeñeiros arxentinos desen un paso atrás volvendo ás vellas ligazóns con radio de onda curta modernizadas: cifradas por ordenador.

Aínda que poña medo recoñecelo, estamos metidos na terceira guerra mundial, en que as telecomunicacións vía satélite son determinantes. Velaí o caso dos ataques aos navíos comerciais polas organizacións islámicas nas rutas do Leste de África. Eses barcos déixanse detectar ao estaren guiados polos satélites. Iso leva a pensar na volta aos sistemas de radiolocalización pasivos da guerra global de hai oitenta anos: non fai falta que os obxectivos emitan sinais cara ao ceo, coñecen a posición grazas aos que reciben desde estacións terrestres. Polo momento estanse a desenterrar vellas ideas mais con electrónica actual e —como non— coa axuda da intelixencia artificial. Cousas vellas veremos e non tardando moito.